A Fortaleza de Santa María do Castro chegou a contar con ata tres recintos amurallados, erixidos en distintos momentos e en resposta as crecentes ameazas bélicas que tiña que afrontar a Vila de Vigo ao longo dos séculos XVII e XVIII.

Na actualidade consérvanse os lenzos de muralla dos dous primeiros recintos, mentres que o terceiro e derradeiro en ser erixido, desapareceu para dar orixe ao actual paseo de Rosalía de Castro que circunda a fortaleza.
A construción do primeiro recinto da fortaleza de Santa María do Castro iniciouse no ano 1656. A mente trala fortaleza foi o entonces capitán Xeral de Galicia, o italiano Vicente Gonzaga Doria e as obras financiaronse entre a propia Vila e as Arcas Reais. En 1665 finalizouse o primeiro recinto, que presenta un trazado irregular o ter que adaptarse á forma do monte na cal a rocha nai aflora a pouca profundidade impedindo os aterrazamentos.
Este primeiro recinto dispón de cinco baluartes. O mais complexo de defender, polo seu ángulo agudo, pero cun gran radio de tiro é o que está orientado cara o Norte, coñécese como Baluarte ou Punta do Diamante, e sobre o seu extremo, izábase a bandeira da fortaleza. Consérvanse as 5 troneiras, así como a garita situada no extremo do baluarte e que é a mais antiga das que se conservan na fortificación.
Se camiñamos cara o leste, atopamos o Baluarte do Couto, que tamén conserva as súas troneiras.
O Saínte de Coia, no lado noroccidental, perdeu as súas troneiras para albergar os obuses chegados dende a batería de A Laxe. Ao seu carón monta garda a vella garita que controla o acceso ao tambor da porta norte.
O polvorín anexado a este Saínte de Coia erixiuse xa no século XIX aproveitando dúas das antigas troneiras.
No extremo Surleste do primeiro recinto atópase o Baluarte de San Amaro coas súas catro troneiras e unha garita engadida con posterioridade.
No extremo Suroccidental está o Baluarte do Regueiro, probablemente o máis cego na actualidade, xa que as árbores plantadas trala desmilitarización do Castelo tapan as vistas deste emprazamento. Tal e como acontece no saínte de Coia, perdeu as súas troneiras para albergar obuses contemporáneos durante o século XIX.

O segundo recinto, erixiuse a raíz da incursión portuguesa de 1665. Feito inicialmente en terra, por motivos de urxencia defensiva, rematouse en apenas 5 anos seguindo un trazado tamén irregular ao ser concéntrico co primer recinto.
Este recinto exterior, pretendía suplir a ausencia dun foxo en torno ao castelo, mais debido a escasa altura, so servía para dificultar o acceso ao Castelo por parte do inimigo, pero deixabao moi exposto as descargas de artillería lanzadas dende o exterior.
Chegou a dispor de cinco baluartes e dous saintes que na práctica correspondíanse cos do primeiro recinto.O mellor conservado atopámolo no extremo Surleste xunto a entrada sur do recinto, falamos da Batería de O Couto.
Foi tras o acontecido na Batalla de Rande en 1702 cando decidiuse reforzar as liñas defensivas da fortaleza de O Castro cun terceiro recinto amurallado, concéntrico aos dous primeiros e levantado cara 1704. Hoxe en día nada queda deste terceiro recinto que deixou paso ao actual paseo Rosalía Castro que circunda os muros da fortaleza.
Deste tercer recinto saía cara o Surleste un corredor amurallado no que hoxe é o Paseo dos Cedros que chegaba ate o Reducto de San Felipe, un pequeño fortín pentagonal do que hoxe xa non queda evidencia e que ocuparía o espazo no cal na actualidade se sitúan os parques infantís.
