Un dos traballos que se están a realizar é a suxeición dos panos dos muros naquelas zonas máis alombadas ou deformadas mediante a colocación de ancoraxes con bulóns metálicos previa inxección de morteiro de cal para consolidar o interior dos muros.
Paso 1: O traballo iníciase vendo o estado interior do muro mediante a inxección de auga para ver o alcance e distribución das principais fisuras e gretas.
Paso 2: Posteriormente colócanse uns anacos de tubo nas fendas e xuntas do muro cunha billa incorporada. Nesa billa engánchase unha mangueira que subministra morteiro a presión ata entullar a fenda.
Paso 3: Os puntos de inxección distribúense uniformemente por todo o pano para asegurar un bo resultado en toda a súa superficie e acadar un entullo uniforme.
Paso 4: A medida que se van completando os ocos interiores o morteiro sobrante vai saíndo fóra. Para ter un mellor resultado vanse tapando os ocos e gretas por onde se expulsa o morteiro de xeito que o volume que queda no interior sexa maior e acadar unha mellor cobertura. En ocasións déixase secar un tempo para conseguir un autotaponado e repetir a operación en caso necesario.
Paso 5: Unha vez rematado o traballo e antes de que fragüe completamente o morteiro, vólvese a usar auga esta vez para limpar as escorregaduras.