Convenio

Convenio de colaboración para realización e financiación das obras para a recuperación e posta en valor da muralla de O Castro.

Con data 4 de marzo de 2019, o Concello de Vigo asinou co antigo Ministerio de Fomento (hoxe Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana), un convenio de colaboración para a recuperación e posta en valor da muralla de O Castro, que recollía a realización e financiación das obras para a Recuperación e posta en valor da muralla de O Castro de Vigo”.

Con data 16 de decembro de 2019, o ministerio adxudicou as obras de “recuperación e posta en valor da Muralla do O Castro de Vigo” á UTE EMERGIS-PRACE, cun prazo de execución de 7 meses e cun importe de 748.753,94 euros (561.565,46 euros serán aboados polo Ministerio e 187.188,48 euros polo Concello).

No convenio determinouse que o  Concello de Vigo executaría o control arqueolóxico continuo e intensivo dos movementos de terra ocasionados por ditas obras, así como a realización dun estudio de paramentos, determinados pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. A adxudicación deste traballo recaiu no arqueólogo FRANCISCO JAVIER CHAO ÁLVAREZ por un prezo total de 94.186,40 euros.

O deficiente estado de conservación da fortaleza requería un proxecto de intervención obxecto deste convenio co obxectivo de acometer importantes obras de mellora encamiñadas ao mantemento, consolidación e recuperación do recinto, así como a posta en valor do monumento en canto ao seu entendimento, valoración e percepción espacial.

Así, as obras recollen as seguintes actuacións:

1.- Intervencións de conservación e recuperación de elementos propios da fortaleza:

  • Obras de limpeza, reparación e consolidación da muralla, dirixidas a corrixir a perda de estabilidade estrutural.
  • Eliminación de elementos e construcións discordantes.

2.- Reorganización da accesibilidade ao monumento, que inclúe a recuperación do acceso norte á muralla e o reprantexamento da accesibilidade interna.

3.- Mellora da integración ambiental da fortaleza na cidade, intervindo sobre a masa vexetal existente e instalando un sistema de iluminación da muralla.