A fortaleza do monte de O Castro sufriu ao longo da súa Historia múltiples modificacións, moitas delas relacionadas co adecuamento á súa función defensiva mentres mantiña un carácter de estrutura militar, pero moitas outras cando pasou a converterse nun espazo aberto para desfrute da cidadanía.
Entre as primeiras modificacións salientables do recinto orixinal, contaríamos por exemplo a sucesión de recintos defensivos concéntricos, até tres, que se lle foron engadindo durante os séculos XVII e XVIII así como a posterior desaparición completa do terceiro recinto para deixar paso ao actual Paseo Rosalía de Castro.
Tamén desapareceron unha parte da estrutura amurallada do segundo recinto, para levantar o restaurante “El Castillo”, e o antigo Reduto de San Felipe, que tiña o seu emprazamento até inicios do século XIX, onde hoxe atopamos os parques de xogos infantís.
No interior do primeiro recinto pódense aínda hoxe atopar elementos que nos retrotraen a función militar desta construción. Por exemplo, algúns dos pozos que hoxe serven de macetas para elementos florais e vexetais do xardín, eran en realidade as bases para emprazar os obuses traídos dende a Batería de A Laxe no século XIX. As portas tapiadas do interior, daban no seu tempo, aos depósitos, almacéns e pasos subterráneos da fortaleza.
Outros elementos de tardía construción de interese foron: a estrutura engadida ao Sainte de Coia, empregada como polvorín construído xa a mediados do século XIX, e a Porta Sur do primeiro recinto, hoxe a máis transitada polos visitantes, e cuxa apertura data tamén do XIX cando foi necesaria para instalar na fortaleza as pezas de artillería subidas dende A Laxe.
O Exército cedeu a fortaleza de O Castro ao Concello de Vigo en marzo de 1964 e foi no ano 1966 cando o Alcalde Rafael Portanet, mandou o derribo das estruturas interiores do primeiro recinto (hermida, residencia gubernativa e cuarteles de tropa) para construir os xardíns e o estanque que hoxe atopamos no noso percorrido polo interior.
Os restos da fortificación entraron a formar parte no ano 1968 do Inventario de Patrimonio Cultural Europeo como Monumento de Arquitectura Militar. Xa en 1995 a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, obrigaba o derrubo de todo tipo de engadidos feitos sobre Monumentos Históricos, o cal afectaba directamente as instalación do Restaurante El Castillo, cuxa concesión a unha empresa privada que remataba no ano 2005, non foi renovada polo Concello como paso previo a súa desaparición física e o inicio do proxecto de recuperación e posta en valor da Fortaleza de O Castro.
Non podemos rematar esta entrada sobre as transformacións da nosa fortaleza sen mencionar unha infraestrutura que atopamos no interior do segundo recinto. Estamos a falar do edificio e repetidor da emisora “La Voz de Vigo” que pasado o tempo e o inicio do periodo democrático pasaría a formar parte da rede de Radio Nacional de España.