Na actualidade, tanto o primeiro como o segundo recinto da Fortaleza de O Castro contan con portas e pasos de acceso ao interior do complexo.
Comecemos polas dúas portas do segundo recinto.
A primeira delas e a que podemos considerar principal é a que atopamos orientada cara ao Sur, na rotonda do Paseo Rosalía de Castro, e famosa entre a cidadanía por estar flanqueda na actualidade por dous canóns.

Trátase dunha entrada de corredor con estrutura abovedada que probablemente conectaba o interior do segundo recinto coa saída cara o Reducto de San Felipe.
A porta secundaria deste segundo recinto, atopámola non moi lonxe da principal, neste caso cunha orientación Leste e que leva dende o interior do segundo recinto a xusto onde hoxe se atopa un dos lugares máis visitados do parque municipal, referímonos o popular estanque dos patos. Durante décadas permaneceu pechada debido o seu mal estado de conservación, ata que foi recuperada e os seus pasos rehabilitados polo Concello de Vigo.

É probable que este segundo recinto contase cunha terceira porta ou paso orientado cara o Norte e que comunicase co Castelo de San Sebastián emprazado onde hoxe se asenta o edificio do Concello na Praza do Rei. Por desgraza, non se conservan evidencias visibles desa posible terceira vía de paso.
No caso do primeiro recinto, o máis interior dos tres que conformaron a fortaleza e o máis antigo na súa construción, atopamos dúas portas con orientacións Norte e Sur.
Mentres a fortaleza cumpriu co seu uso orixinal, pensamos que so existía, na súa configuración actual, a porta Norte hoxe coronada co escudo da cidade en pedra.
Non deixa de ser curioso que sendo, históricamente falando, a porta principal, sexa unha das grandes descoñecidas para os visitantes e para a veciñanza pois durante anos este sector da fortaleza estivo parcialmente oculto polo engadido que foi o xa desaparecido Restaurante “El Castillo”.

Esta entrada principal ao primeiro recinto, ubicada xusto entre o Baluarte do Diamante e o Saínte de Coia, estaba protexida por un tambor defensivo equipado con troneiras e da acceso a unha pequena praza interior do recinto.
Inda hoxe é posible ver nos laterais desta porta os ocos das bisagras e as acanaladuras que conserva para o paso do rastrillo que aseguraba o seu peche.
A porta Sur é sen dúbida a mais transitada hoxe en día para entrar e sair do primeiro recinto. Foi aberta no século XIX para poder instalar os obuses traídos dende a Batería de A Laxe.

Ao igual que a porta Norte, está coroada polo escudo da cidade e a maiores, por nove ameas que non corresponden coa arquitectura militar de Época Moderna e cuxa falta de proporción con respecto aos muros, indican claramente que foron un engadido posterior. Probablemente dentro da moda arquitectónica de mediados do século XX de amear de xeito romántico e evocando épocas medievais as construcións arquitectónicas de carácter militar fosen da época que fosen.