O Monte de O Castro antes chamado Terroso, agocha unha longa Historia de fortificacións desde a Prehistoria recente ata ben entrada a Época Contemporánea, non en van, a súa elevación e posición central no territorio da comarca de Vigo foron de sempre, unha atalaia privilexiada dende a cal controlar todo o que ata estas terras chegaba con boas ou malas intencións, ben fose por vía terrestre como pola importantísima vía marítima que supón o abrigo da Ría de Vigo.
Xa na Idade do Ferro, protagonizada no territorio galego por un novo modelo de asentamento sobre o territorio, os castros, as ladeiras do Monte de O Castro, acolleron un dos asentamentos amurallados mais poboados e dinámicos do territorio galaico. Os traballos arqueolóxicos, centrados sobre todo na ladeira Oeste, sacaron á luz para o seu estudo e conservación algúns dos elementos estruturais deste poboado cronoloxicamente enmarcados entre o S.III A.N.E e o S.III D.N.E e hoxe postos en valor polo Concello de Vigo para coñecemento e desfrute da cidadanía e público visitante.

A segunda fortificación da que temos nova nesta atalaia foi a do Castelo do Penço, que pertenceu á igrexa, concretamente a Mitra Compostelana, que dende a Idade Media mantiña intereses sobre estas terras. Existía tamén unha hermida, a da Nosa Señora, motivo polo cal, cando se erguiu o recinto fortificado, chamóuselle Castelo da Nosa Señora ou de Santa María.
No marco da Guerra de Sucesión de Castela entre Xoana e Isabel e trala vitoria desta última, o igual que ocorreu con outras fortalezas e castelos de Galicia, ordenouse por parte das Católicas Maxestades, o derrubo total deste Castelo entre 1480 e 1482, xogando un papel destacable no asedio e caída do Castelo do Penço, Don Pedro Álvarez de Soutomaior, máis coñecido na cultura popular como Pedro Madruga.
Vigo careceu de relevancia militar ata o século XVII, converténdose en Praza Militar con motivo da Guerra de Restauración Portuguesa.
O peso dos enfrontamentos e as súas consecuencias centráronse principalmente na fronteira, sendo o sur da provincia e Vigo unha das afectadas: economicamente ao sufrir levas e o aloxamento e abastecemento do exército en campaña; e na súa morfoloxía urbana ao construírse por primeira vez un recinto amurallado abaluartado con dúas fortalezas de planta estrelada: San Sebastián e o Castelo de Santa María do Castro.
A construción da Fortaleza de Santa María do Castro iniciouse no ano 1656. A Vila de Vigo tiña por entón apenas 500 habitantes, a maior parte dos cales –máis de 200- pertencía ao Gremio de Mareantes. A comarca circundante (é dicir, o que hoxe son as aforas da nosa cidade) estaba habitada por menos de 700 veciños e veciñas. Estes datos se explican en parte pola dureza da segunda metade do S. XVI cando a Vila sufriu dúas devastadoras oleadas de peste e os ataques corsarios ingleses.
As mentes trala fortaleza foron o Capitán Juan de Villarroel e o entón Capitán Xeral de Galicia, Vicente Gonzaga Doria e as obras financiáronse entre a propia Vila e as Arcas Reais. En 1665 finalizouse o primeiro recinto, que presenta un trazado irregular o ter que adaptarse á forma do monte na cal a rocha nai aflora a pouca profundidade impedindo os aterrazamentos.
