Paralelamente á primeira expansión comercial no século XV a vila de mariñeiros e de artesáns que era Vigo, ía medrando sen ningunha planificación urbanística, entre os dous barrios antes citados, o Areal e o Berbés, carente de toda fortificación, ao mesmo tempo que ía cobrando relevancia comercial e estratéxica, polo que haberá de sufrir nun futuro próximo os ataques de corsarios ingleses, de piratas turcos-alxerianos (nos séculos XVI e XVII) que atraídos polo esplendor económico da vila a saquearán devanditas veces.
Ademais, as constantes liortas co Reino de Portugal obrigaron aos poderes públicos a acometer a edificación dunha muralla defensiva entre 1656 e 1665, que tivo que adaptarse á orografía dun terreo, en costa e de perímetro irregular.
O recinto amurallado, de mala e débil mampostería, estendíase sobre a aba de O Castro, formando parte del no punto máis elevado a Fortaleza do Castro que daba paso en liña descendente ao Castelo de San Sebastián. Ámbalas dúas foron ciclópeas fortalezas de planta estrelada. A súa traza era irregular e descendía pola liña recta que marcan na actualidade as rúas Baixada a Príncipe e Carral, continuaba logo pola marxe litoral dende a Laxe ata o Berbés, ascendendo posteriormente dende aquí ata o Castelo de San Sebastián á altura do Paseo de Afonso XII.

O recinto amurallado presentaba sete portas de acceso denominadas: Gamboa, Laxe, Ribeira ou Berbés, Falperra, Pracer, Sol ou Salgueiral e do Mar ou porta da Fonte de Vigo, e estaba protexido por once baluartes defensivos ou baterías artilleiras (denominadas A Pedra, San Xosé, San Antonio, San Telmo, San Xulián, A Falperra, A Pulga, A Lama, San Antonio, A Gamboa e a Laxe). Da praza partían tres camiños, ao leste da porta da Gamboa o de Redondela e Santiago que transcorría a través do Areal, ao sur o camiño do Porriño a través da porta do Pracer e o de Baiona e Tui pola porta da Falperra.


En canto á vila intramuros estaba organizada, dende o punto de vista urbanístico, en torno á Igrexa de Santa María e a sete prazas, que acolleron importantes mercados ao aire libre, das que destacaba a Praza da Vila ou Praza Maior, hoxe coñecida como Praza da Constitución en honor á Constitución de 1812, o eixo económico e institucional da cidade.
As rúas eran pendentes e mostraban unha traza estreita e intrincada. Tanto estas como as prazas, recibían nomes derivados dos afloramentos rochosos (ex. A Laxe, A Pedra), da abundancia de cursos de auga (Fonte de Vigo), dos caracteres do relevo (Gamboa, Outeiro, Alta), dun tipo de vexetación (Salgueiral), da concentración de certos oficios (Sombrereiros, a Ferrería, da Leña, da Herba) e nalgúns casos respostaban á proximidade de algún edificio singular (San Sebastián, do Arco, Alfóndiga).
A maioría das vivendas eran de pequeno tamaño e en xeral aparecían mal dispostas, sen orde algunha e enlucidas exteriormente con cal.
Na Praza da Constitución celebrábanse dende 1670 dúas feiras anuais e o mercado franco dos sábados, no que a xente das parroquias rurais concorrían a vender gando miúdo, grans, liño, manteiga, entre outros productos. Nela atopábase a sede municipal e era o lugar de cita obrigada para os grandes acontecementos históricos e cerimonias.

Polo que respecta á Praza da Pedra (hoxe de Juan de Villavicencio) especializouse na venda de artigos de segunda man, mentres que a Praza Vella ou das Ceboleiras (hoxe praza de Almeida), se especializou no mercado de produtos do campo e sementes e a da Alfóndiga na venda do peixe, marisco, carne e do repeso do cereal. Outras prazas destacables son a da Leña (hoxe Calatrava), da Herva (hoxe Argüelles) e a da Pescadería vella, nesta última tivo lugar o antigo mercado do mar que rivalizaba coa praza da Princesa, moito máis importante.
A poboación abastecíase de cinco fontes pouco salubres denominadas da Ribeira, dos Tornos, do Pracer, da Falperra e de Neptuno, situadas nos arrabais, ata a creación da fonte da praciña da Alfóndiga (hoxe coñecida como do Anxelote) no século XVIII.

Dende a segunda metade do século XVIII a cidade comeza a medrar extramuros, a carón das portas da cidade, dando lugar a novos barrios ou consolidando os existentes xa a mediados do XIX: o barrio do Berbés, o da Falperra, do Salgueiral e o Areal.
A demolición das murallas, fin dunha época
A entrada dos franceses en España no contexto da Guerra de Independencia, veu precipitar os acontecementos políticos da cidade. Vigo foi ocupada en 1809 polo exército francés, o que provocou un vasto movemento de resistencia popular e de reconquista da cidade, no que cobran protagonismo dous oficiais enviados pola Xunta Suprema do Reino de Galicia, Pablo Morillo e Bernardo González del Valle (Cachamuiña). Un ano despois concédese a Vila de Vigo o título de “cidade fiel, leal e valerosa” polo papel desempeñado na Guerra da Independencia.
Ao longo do período que transcorre dende principios do século XIX ata a restauración borbónica en 1874, España debátese entre Liberalismo e Absolutismo e imos ver como Vigo obtén a capitalidade da provincia en dúas ocasións 1820-23 e 1840, coincidindo con gobernos de corte liberal.
En 1861, o Ministerio de Guerra decide autorizar a demolición das murallas, o que significou o fin dunha época. A cidade necesitaba superar as barreiras espaciais que supoñían as murallas cara á súa expansión e mellora de acceso á mesma. O desenvolvemento económico levara a poboación de Vigo a experimentar un grande crecemento en poucos anos, polo que se facía necesario unha cidade máis moderna.
Dese pasado amurallado, hoxe podemos contemplar a fortaleza do Castro, parte do baluarte de San Sebastián e algún lenzo de muralla escondido entre rúas do Casco Vello.