A Fortaleza na Guerra de Restauración de Portugal

Vigo careceu de relevancia militar ata o século XVII, converténdose en Praza Militar con motivo da Guerra de Restauración Portuguesa. En 1580 o reino de Portugal foi integrado na Coroa de Castela tras reclamar Felipe II os seus dereitos ao trono portugués. En 1640, con Felipe IV, España ten abertos varias frontes bélicas en Francia e Cataluña, o que aproveitou Portugal para proclamar a súa independencia en Lisboa o 1 de decembro de 1640, conflicto que durou 28 anos.

Proclamación de D. João IV como rei de Portugal, pintado por Veloso Salgado (Museo Militar de Lisboa)
Defenestración de Miguel de Vasconcelos, secretario de Estado da virreina de Portugal Margarita de Saboya

O peso dos enfrontamentos e consecuencias centráronse principalmente na fronteira, sendo o sur da provincia e Vigo unha das afectadas : economicamente ao sufrir levas e o aloxamento e abastecemento do exército en campaña; e na súa morfoloxía urbana ao construírse por primeira vez un recinto amurallado abaluartado con dúas fortalezas de planta estrelada: San Sebastián e o Castelo de Santa María do Castro.

Ante o temor dun ataque por mar polas alianzas establecidas de Portugal con Francia e Inglaterra, a fortificación da cidade acométese con gran rapidez entre 1656 e 1665, pero cun resultado deficiente na calidade do recinto pola falta de medios económicos e enxeñeiros competentes.

Non só na Vila de Vigo acometéronse obras de fotificación no marco deste conflito, boa mostra delo a temos moi preto da nosa cidade, referimonos concretamente as chamadas fortalezas do Miño onde a ambos lados da fronteira natural que marca o río, atopamos mostras de este tipo de construcións militares.

Fortaleza de Valença
Fortaleza de Vilanova da Cerveira

O agardado ataque portugués á Vila de Vigo chegou o 13 de novembro de 1665 despois de que xa o dia 2 dese mes, un exército luso formado por ate 12.000 infantes e 2.500 soldados a cabalo desembarcase en Goian apoderándose de A Guarda para marchar cara a Vila de Bouzas, que foi calcinada, e onde acampou e estableceu o Conde de Pradó coa intención de sitiar Vigo.

Na Fortaleza do Castro os defensores preparábanse para facer fronte ao invasor con apenas 200 homes de armas e 50 milicianos recrutados entre homes e nenos que non fuxiran, baixo mando do Mestre de Campo D. Diego Arias Taboada, Gobernador da Praza, quen ordeou levantar unha empalizada para reforzar as aínda deficientes defensas da fortaleza.

Fíxose tamén chamamento aos pobos do Morrazo e Pontevedra para que acudisen a Vigo con xente, trigo, fariña, pan, viño, gando e todo tipo de xéneros para socorrer a veciñanza.

Por sorte e tal e como relatan as crónicas do acontecido, o asalto definitivo á Vila de Vigo non tivo lugar e as tropas portuguesas marcharon de volta a A Guarda, asaltando as fábricas de pan e depósitos de munición que atoparon polo camiño.

A Casa do Gobernador Diego Arias Taboada alberga hoxe en día a Pinacoteca Muncipal Francisco Fernandez del Riego.

O episodio rematou coa acusación de neglixencia contra o Gobernador Diego Arias, que pouco mais podía ter feito, e as forzas enviadas como socorro pasaron a outro mando. Tamén resultou destituído, a raiz da mala xestión da crise, o Capitán Xeral de Galicia Luis de Poderico, sustituído polo Condestable de Castela Iñigo Fernandez de Velasco.