A Fortaleza do Castro no ataque de 1719: a Guerra da Cuádrupla Alianza

Sen dúbida un dos pasaxes máis esquecidos da historia da nosa cidade e que tivo como principal escenario a fortaleza do monte de O Castro, foi o ataque que sufriu a Vila de Vigo no ano 1719 no marco da chamada Guerra da Cuádrupla Alianza.

Este conflicto, que enfrontou a Monarquía Hispánica baixo o reinado de Felipe V contra unha coalición formada por Francia, Gran Bretaña, o Sacro Imperio Xermánico e as Provincias Unidas, tivo lugar entre 1717 e 1720 con motivo das aspiracións dinásticas e territoriais do monarca español sobre Italia, a raíz do matrimonio con Isabel de Farnesio.

Felipe V e Isabel de Farnesio

O 10 de outubro de 1719, a media mañá, e en resposta a axuda que España tiña prestado aos rebeldes xacobitas escoceses, Vigo comeza a ser atacada por unha forza inglesa baixo mando do Mariscal Richard Temple. Así, ata 40 navios desembarcan na praia de Samil 11 batallóns, sumando unha forza de ataque de 5.000 homes.

O Mariscal de Campo Richard Temple comandou a forza inglesa que tomaría Vigo en outubro de 1719.

A escasa guarnición da praza, baixo mando do Gobernador Fadrique González de Soto, estaba formada por 400 homes de armas e 400 paisanos armados para a ocasión, que temendo un dobre ataque terrestre e naval, decidiron retirarse á fortaleza do Castro.

Tras incendiar e saquear Bouzas e Alcabre, as forzas inglesas instalaron o seu cuartel xeral en Navia agardando a capitulación, que se produce o día 12 de outubro, entrando dous rexementos de fusileiros navais para tomar posesión da vila e do fortín de San Sebastian, como paso previo ao asedio e asalto do Castelo de O Castro onde aínda se refuxiaba a guarnición militar.

O día 13, os invasores, desembarcan no Berbés todo o seu material de guerra e sitúan tralo fortín de San Sebastián máis de 30 morteiros de diverso calibre, que xunto coa artillería naval embarcada, comezarán un continuo bombardeo sobre a fortaleza durante 4 días.

Toma de Vigo. 1719

Para o día 17 de outubro, a situación da asediada guarnición era prácticamente insostible e a oficialidade inglesa convida aos defensores a rendir definitivamente a fortaleza, mais receben unha negativa por resposta, pois nela todavía quedaba “…mucha guarnición, oficiales de gran honor, mucha pólvora y que comer…” o cal era certo xa que nos subterráneos do Castelo gardábanse os pertrechos militares que quedaran en Vigo tralo fracaso da expedición española a Escocia de meses atrás.

A furiosa resposta inglesa foi o disparo incesante de mais de 600 bombas sobre o castelo, que continuaría o día 18 ata que o día 19, tras unha semana sen durmir, con escaseza de alimentos e sometidos ao duro bombardeo, a guarnición capitula con honores militares, o cal lles permitirá sair o día 21, coas súas bandeiras e estandartes desfilando camiño de Redondela.

Cando as forzas inglesas ingresaron na fortaleza e comprobaron o estado no que había quedado tralo continuo bombardeo, recoñeceron o extraordinario valor deses defensores, que tiñan soportado mais de 3.500 disparos de mortero e artillería naval na defensa dos almacéns onde foron capturados polos ocupantes “…gran cantidad de pólvora, piezas de artillería y hasta 6000 mosquetes…”.

As forzas inglesas abandonarían Vigo o 7 de novembro, tras ter cumprido o seu obxetivo principal, que non era outro que demostrarlle a coroa española a vulnerabilidade das súas costas en caso de que a coalición optase por desembarcar tropas na península.

Tralo duro asedio, a maltreita fortaleza foi reconstruída e en 1724 construiuse nela un acuartelamento de infantería que foi empregado ata a década dos 60 do século XX.